Que é a radioterapia?

A radioterapia é unha modalidade terapéutica que utiliza os efectos biolóxicos das radiacións ionizantes, con finalidade anticancerosa. Trátase dunha terapia local, é dicir, só afecta á zona de tratamento. Para aplicar o tratamento de radioterapia utilizamos:

Fontes de radiación externa (a fonte de irradiación está a certa distancia do paciente en equipos de grandes dimensións como a unidade de cobalto e o acelerador lineal de electróns)

Fontes de irradiación interna: braquiterapia (colocación de fontes radioactivas dentro ou na proximidade dun tumor)

Onde se realiza a radioterapia?

As salas onde se realizan os tratamentos con radioterapia externa están “blindadas” para protexer as áreas veciñas. Están equipadas cun circuíto pechado de televisión e un interfono para comunicarse con vostede, que estará soa no interior da sala durante os minutos que dura o tratamento.

Canto dura o tratamento?

O tratamento adoita durar ao redor de seis semanas. Aplicarase diariamente (de luns a venres descansando sábados e domingos). A duración de cada sesión, colocación e tratamento será só duns 10-15 minutos.

Por que teño que ir todos os días?

O tratamento diario permite obter o maior beneficio terapéutico, pois ó fraccionar a dose total permite unha mellor recuperación dos tecidos sans.

Quen me atenderá durante a radioterapia?

Un equipo multidisciplinar composto por:

  • Oncólogo radioterapeuta: é o médico que prescribe o seu tratamento e controla a evolución da enfermidade.
  • Radiofísicos e dosimetristas: realizan a dosimetría para axustar a dose a cada paciente prescrita polo oncólogo radioterapeuta.
  • Enfermeiras e técnicos en radioterapia: realizan o tratamento diario e os coidados específicos.
  • Psicólogos: facilitan recursos psicolóxicos ao paciente e familia para diminuír a súa angustia e mellorar o seu equilibrio emocional.

Como se planifica o tratamento?

Unha vez que o médico decida o seu tratamento, pasará á sala de simulación. Alí colocaráselle nunha determinada posición igual á que terá no tratamento real e faránselle unhas marcas na pel (puntos tatuados), que servirán de referencia para manter a exactitude do tratamento diario.

Cando estou a tratamento son radioactivo?

Vostede non se volverá radioactivo tras recibir radioterapia externa. Non se preocupe, non dana á súa familia nin aos seus amigos. As súas relacións sociais, laborais e familiares non se verán afectadas durante a radioterapia.

Por que en ocasións é necesario parar o tratamento?

É posible que nalgún momento o seu tratamento se interrompa durante dous ou tres días. As causas serían:

  • Revisións periódicas da unidade de tratamento.
  • Bloqueos ocasionais dos sistemas de seguridade das unidades de tratamento.
  • Toxicidade.

É importante que teña en conta, que os días de parada non restan eficacia ao seu tratamento.

Que efectos secundarios podo experimentar?

Pode sentir fatiga que pode durar até 6 semanas despois de finalizar o tratamento.

Poden aparecer reaccións cutáneas que se clasifican en:

  1. Grao I.- Pode aparece eritema leve (similar ao enrojecimiento despois da exposición solar), alopecia en axila, descamación seca e diminución da sudoración.
  2. Grao II.-Se o eritema faise máis intenso, descamación húmida da pel e edema moderado.
  3. Grao III.- Edema con fóvea ( se ao presionar a zona cun dedo durante 5 segundos deixamos unha abolladura que se volve a encher de novo lentamente)
  4. Grao IV.- Se se produce ulceración, necrose e hemorraxia.

Como podo coidar a miña pel?

Hixiene persoal:

  • Utilizar auga morna e xel con PH neutro.
  • Non usar desodorizantes con alcol.
  • Secarse suavemente.

Coidados da zona de tratamento:

  • Manter a zona de tratamento limpa e seca, especialmente o suco mamario e a axila.
  • Hidratar a pel desde a primeira consulta. Durante o tratamento realizar a hidratación despois de cada sesión e debe continuar unha vez terminado o tratamento.
  • Evitar esparadrapos.
  • Non depilar a axila.
  • Non fregarse nin rascar.

Evitar a exposición solar sobre a área de tratamento:

  • É importante evitar o sol, canto menos uns anos despois de finalizado o tratamento, utilizando cremas solares de alta protección.

Utilizar roupa apropiada:

  • Roupa interior de algodón ou fío, folgada e sen costuras.
  • Evitar accesorios que compriman (suxeitador sen aros)

Se necesita prótese externa de mama, recomendámoslle utilizala o menos posible durante o tratamento

Cando cesarán os efectos secundarios?

Os efectos secundarios desaparecerán unhas semanas despois de finalizado o tratamento.

Que debo facer cos medicamentos que tomo?

Se vostede está a tomar algún medicamento, debe informar o seu médico. Avaliará a súa medicación e indicaralle cal pode seguir tomando e lle recetará o que necesite.

Poderei ter relacións sexuais?

A súa vida sexual non ten porque verse afectada.

É importante que tome as precaucións necesarias para evitar o embarazo durante a radioterapia. Solicite información ao seu médico

E ao finalizar o tratamento?

Realizará visitas de control e seguimento tanto médicas como de enfermaría

Durante o tratamento de radioterapia ten á súa disposición a consulta de enfermaría

Mañás: de luns a venres de 8:00 a 15:00

Tardes: luns e mércores de 15:00 a 22:00

Nº de teléfono 981287499 extensión 310