Que é a radioterapia?
A radioterapia é unha modalidade terapéutica que utiliza os efectos biolóxicos das radiacións ionizantes, con finalidade anticancerosa. Trátase dunha terapia local, é dicir, só afecta á zona de tratamento. Para aplicar o tratamento de radioterapia utilizamos:
Fontes de radiación externa (a fonte de irradiación está a certa distancia do paciente en equipos de grandes dimensións como a unidade de cobalto e o acelerador lineal de electróns)
Fontes de irradiación interna: braquiterapia (colocación de fontes radioactivas dentro ou na proximidade dun tumor)
Onde se realiza a radioterapia?
As salas onde se realizan os tratamentos con radioterapia externa están “blindadas” para protexer as áreas veciñas. Están equipadas cun circuíto pechado de televisión e un interfono para comunicarse con vostede, que estará soa no interior da sala durante os minutos que dura o tratamento.
Canto dura o tratamento?
O tratamento adoita durar ao redor de seis semanas. Aplicarase diariamente (de luns a venres descansando sábados e domingos). A duración de cada sesión, colocación e tratamento será só duns 10-15 minutos.
Por que teño que ir todos os días?
O tratamento diario permite obter o maior beneficio terapéutico, pois ó fraccionar a dose total permite unha mellor recuperación dos tecidos sans.
Quen me atenderá durante a radioterapia?
Un equipo multidisciplinar composto por:
- Oncólogo radioterapeuta: é o médico que prescribe o seu tratamento e controla a evolución da enfermidade.
- Radiofísicos e dosimetristas: realizan a dosimetría para axustar a dose a cada paciente prescrita polo oncólogo radioterapeuta.
- Enfermeiras e técnicos en radioterapia: realizan o tratamento diario e os coidados específicos.
- Psicólogos: facilitan recursos psicolóxicos ao paciente e familia para diminuír a súa angustia e mellorar o seu equilibrio emocional.
Como se planifica o tratamento?
Unha vez que o médico decida o seu tratamento, pasará á sala de simulación. Alí colocaráselle nunha determinada posición igual á que terá no tratamento real e faránselle unhas marcas na pel (puntos tatuados), que servirán de referencia para manter a exactitude do tratamento diario.
Cando estou a tratamento son radioactivo?
Vostede non se volverá radioactivo tras recibir radioterapia externa. Non se preocupe, non dana á súa familia nin aos seus amigos. As súas relacións sociais, laborais e familiares non se verán afectadas durante a radioterapia.
Por que en ocasións é necesario parar o tratamento?
É posible que nalgún momento o seu tratamento se interrompa durante dous ou tres días. As causas serían:
- Revisións periódicas da unidade de tratamento.
- Bloqueos ocasionais dos sistemas de seguridade das unidades de tratamento.
- Toxicidade.
É importante que teña en conta, que os días de parada non restan eficacia ao seu tratamento.
Que efectos secundarios podo experimentar?
Pode sentir fatiga que pode durar até 6 semanas despois de finalizar o tratamento.
Poden aparecer reaccións cutáneas que se clasifican en:
- Grao I.- Pode aparece eritema leve (similar ao enrojecimiento despois da exposición solar), alopecia en axila, descamación seca e diminución da sudoración.
- Grao II.-Se o eritema faise máis intenso, descamación húmida da pel e edema moderado.
- Grao III.- Edema con fóvea ( se ao presionar a zona cun dedo durante 5 segundos deixamos unha abolladura que se volve a encher de novo lentamente)
- Grao IV.- Se se produce ulceración, necrose e hemorraxia.
Como podo coidar a miña pel?
Hixiene persoal:
- Utilizar auga morna e xel con PH neutro.
- Non usar desodorizantes con alcol.
- Secarse suavemente.
Coidados da zona de tratamento:
- Manter a zona de tratamento limpa e seca, especialmente o suco mamario e a axila.
- Hidratar a pel desde a primeira consulta. Durante o tratamento realizar a hidratación despois de cada sesión e debe continuar unha vez terminado o tratamento.
- Evitar esparadrapos.
- Non depilar a axila.
- Non fregarse nin rascar.
Evitar a exposición solar sobre a área de tratamento:
- É importante evitar o sol, canto menos uns anos despois de finalizado o tratamento, utilizando cremas solares de alta protección.
Utilizar roupa apropiada:
- Roupa interior de algodón ou fío, folgada e sen costuras.
- Evitar accesorios que compriman (suxeitador sen aros)
Se necesita prótese externa de mama, recomendámoslle utilizala o menos posible durante o tratamento
Cando cesarán os efectos secundarios?
Os efectos secundarios desaparecerán unhas semanas despois de finalizado o tratamento.
Que debo facer cos medicamentos que tomo?
Se vostede está a tomar algún medicamento, debe informar o seu médico. Avaliará a súa medicación e indicaralle cal pode seguir tomando e lle recetará o que necesite.
Poderei ter relacións sexuais?
A súa vida sexual non ten porque verse afectada.
É importante que tome as precaucións necesarias para evitar o embarazo durante a radioterapia. Solicite información ao seu médico
E ao finalizar o tratamento?
Realizará visitas de control e seguimento tanto médicas como de enfermaría
Durante o tratamento de radioterapia ten á súa disposición a consulta de enfermaría
Mañás: de luns a venres de 8:00 a 15:00
Tardes: luns e mércores de 15:00 a 22:00
Nº de teléfono 981287499 extensión 310