Diagnóstico do cancro de mama

Cal é a incidencia do cancro de mama?

O cancro de mama é o tumor maligno máis frecuente nas mulleres de todo o mundo. A incidencia do cancro de mama aumenta co nivel económico do país. Non entanto a pesar do lixeiro aumento observado nos últimos anos a mortalidade diminuíu, debido principalmente aos programas de detección precoz e aos avances nos tratamentos.

Calcúlase que aproximadamente unha de cada 10 mulleres sufrirá cancro de mama ao longo da súa vida. España ten unha das incidencias máis baixas de Europa e Galicia das máis baixas dentro das comunidades autónomas.

Dado que no cancro de mama non se pode facer unha prevención activa (por exemplo, deixar de fumar para previr o cancro de pulmón), pois os factores de risco mais importantes, como a idade, antecedentes persoais, menarquia precoz, non son modificables, é moi importante facer un diagnóstico precoz.

Como se realiza o diagnóstico precoz?

Para un diagnóstico precoz do cancro de mama realízase unha mamografía ás mulleres dentro dos programas de detección precoz (programas de cribado ou screening), que na nosa comunidade, do mesmo xeito que na maioría de España e Europa comprende a franxa de idade dos 50 aos 69 anos, con periodicidade bienal (cada 2 anos).

Fóra dese grupo de idade a mamografía realizarase ás mulleres que presenten síntomas de alarma de cancro de mama. Estes síntomas de alarma son:

  • Vulto palpable de nova aparición
  • Retracción da pel da mamila ou da mama
  • Secreción espontánea por unha das mamilas

Hai que ter presente que a dor, por si só ou a secreción bilateral non constitúe un signo de cancro de mama

Como se diagnostica o cancro de mama?

No momento actual non existe ningunha análise de sangue ou outro tipo de análise que poida diagnosticar o cancro de mama, aínda que en casos de incidencia familiar, pódese investigar a presenza dalgún oncogén coñecido (fundamentalmente BRCA) que predispoña ao desenvolvemento de cancro de mama. Por tanto, os métodos de diagnóstico limítanse á exploración e ás técnicas de imaxe.

En canto á autoexploración hai que dicir que neste momento esta cuestionada, non sendo recomendada por moitos médicos, dado que segundo recentes estudos non achega beneficios.

Se ao realizar as técnicas de imaxe, o radiólogo observa algunha anormalidade sospeitosa de lesión cancerosa, realízase xeralmente no mesmo momento, biopsia de mama para realizar estudo patolóxico que confirme o diagnóstico de cancro.