Diagnóstico por imaxe

Segue sendo a primeira exploración a realizar cando existe sospeita de patoloxía  mamaria, salvo en pacientes moi novas nas que se pode empezar o estudo realizando unha ecografía. Para a súa realización utilízase unha dose baixa de raios X. Con respecto á preocupación dalgunhas pacientes coa radiación recibida na mamografía debemos dicir que é un risco  sobrevalorado e que cos actuais equipos, é practicamente despreciable. Calculouse que a dose de radiación dun estudo  mamográfico equivale a 8 meses de exposición á radiación normal na vida diaria.

Segundo un estudo Americano o risco da mamografía é o mesmo que:

  • Fumar tres cuartas partes dun cigarro.
  • Viaxar 1000 Km en avión ou 150 en automóvil.

Isto indica que, talvez, exista unha sobrevaloración sobre o risco.

Preparación

Para a realización dunha mamografía non necesita ningunha preparación especial. Poderase  realizar durante calquera fase do ciclo, aínda que xusto na etapa  premenstrual podería resultar un pouco máis dolorosa.

O día que acuda a realizar a proba é importante non utilizar cremas nin pos de talco na mama xa que poderían producir “artefactos “ os cales dificultarían o diagnostico.

Como se realiza?

Unha vez na sala de exploración, o técnico de radioloxía colocaraa sobre o  mamógrafo e realizará as 2 radiografías de cada mama. Aplicáseselle unha compresión cunha pa do propio equipo que en ocasións pode producir unha lixeira molestia, pero que será necesario pois axuda a reducir a dose de radiación e facilita o diagnostico.

Na actualidade coexisten as novas técnicas de mamografía dixital e a clásica de mamografía analóxica (algo similar ao que ocorre coa fotografía). Hai que dicir que calquera das 2 técnicas é perfectamente válida para o diagnóstico e a intensidade da compresión que se lle aplicará será a mesma.

Nalgún caso o radiólogo indicaralle a necesidade de realizar algunha proxección especial da mama para aclarar algunha imaxe. Isto non achega unha radiación adicional significativa.

A pesar da fiabilidade da mamografía, existe unha porcentaxe de aproximadamente de 10% de casos nos que pode existir un cancro e non verse con esta técnica.

Se xa se lle diagnosticou un cancro a mamografía faráselle unha vez ao ano e en principio, salvo que o seu médico o considere necesario, non se realizará ningunha outra proba de imaxe.

Unha vez realizada a mamografía se o radiólogo atopa algunha lesión, pode ser necesario realizar unha ecografía, que habitualmente se fará no mesmo acto médico.

A ecografía permítenos obter imaxes por ultrasón, polo que non emite radiación, é  inocua e pode realizarse tantas veces como sexa necesario.

Debe de terse presente que salvo en mulleres moi novas a ecografía de mama non é a primeira exploración a realizar e que non poderemos excluír de forma segura a presenza dun cancro só cunha ecografía.

En situacións especiais  despois da realización dunha mamografía e ecografía o seu médico pode indicarlle a necesidade de realizar unha resonancia magnética.

Realízase cando a lesión non se pode ver coa ecografía. O proceso é similar ao descrito con ecografía, aínda que o que nos guiase para localizar a lesión fora unha imaxe con Rx obtida nun equipo especial. Durante a proba vostede estará deitada boca abaixo, colgando a mama por un orificio da padiola e o  radiólogo, con anestesia local levará a cabo a biopsia obtendo uns cilindros de tecido  mamario para a súa posterior análise. O proceso durará sobre 30 minutos e non serán necesarios coidados posteriores nin é necesario que o paciente acuda en xaxún. No caso deste segundo tipo de biopsia (esterotaxia) se vostede esta tomando Sintrom ou calquera outro anticoagulante ou antiagregante (aspirina, tromalyt..) deberá comunicalo antes ao medico, pois deberá deixar de tomalo. De todos os xeitos non debe de preocuparse, pois cando o radiólogo lle indique a necesidade de realizar a devandita proba, informálle de todos os detalles e daralle unha folla coas explicacións, para que vostede lea e asine, se acepta realizar a proba (consentimento informado). Normalmente esta proba non se realiza o mesmo día en que se fai a mamografía,  dandolle cita para, normalmente, non máis dunha semana.

É a máis frecuente. Neste caso no mesmo acto de realización da ecografía realizáseselle, se vostede o desexa, a biopsia, que se fará cun pouco de anestesia local sobre a zona e posteriormente cunha agulla especial sacaráselle unha mostra para ser enviada ao laboratorio para o seu estudo. Todo o proceso da  biopsia durase aproximadamente 15 minutos e, en xeral, non é nada doloroso. Posteriormente faráselle unha pequena cura da ferida e poñerase unha bolsa de xeo sobre a zona que deberá levar unhas 2 horas. Non será necesario tomar ningunha medicación especial aínda que se lle indicará algún analxésico para que tome se tivese dor nas seguintes horas (pouco habitual).

Que é?

A resonancia magnética (RM) é unha técnica de imaxe que se utiliza para o diagnóstico. Baséase na utilización dun campo magnético e enerxía de radiofrecuencia e permite obter imaxes do corpo.

Coas  imaxes de  RM pódense analizar algúns aspectos que non é posible ver coas outras técnicas de imaxe como a mamografía, a ecografía ou a tomografía computerizada e en ocasións concretas pode proporcionar información moi útil.

Cando se pode indicar a realización dunha RM de Mama

Pódeselle indicar a realización dunha  RM de mama nalgunhas ocasións, como:

  1. Precisar a localización da lesión, cando é necesario para planificar a cirurxía.
  2. Definir mellor o tamaño da lesión, cando é necesario para o tratamento.
  3. Complementar a valoración dunha lesión vista na mamografía ou a ecografía.
  4. Diferenciar entre cicatrices e recaída dun tumor xa tratado.
  5. Valorar as características da lesión antes de iniciar o tratamento de quimioterapia  neoadxuvante (a que se administra antes de realizar a cirurxía do tumor  mamario) e monitorar os cambios que se producen tras este tratamento neoadxuvante.

Como é a Resonancia Magnética de Mama

A máquina de resonancia magnética é un tubo aberto polos seus extremos.

Para poder facerlle a exploración colocaráselle nunha padiola boca abaixo e despois -mentres vostede está acompañada polo persoal de resonancia- a padiola desprazarase ata que a zona das mamas estea no centro do tubo. Nese momento a cabeza estará case fose do tubo.

A posición para facer unha resonancia magnética de mamas é imprescindible para realizala adecuadamente; durante todo o tempo permanecerá na mesma posición, boca abaixo, coa cabeza apoiada e as mamas situadas nun dispositivo. É fundamental non moverse nada durante a exploración para que as imaxes saian  nítidas e sexan  analizables.

Durante a exploración non notará ningunha molestia. Unicamente saber que a máquina  cando está a obter as imaxes fai un ruído intenso; para minimizar a molestia deste ruído proporcionaránselle uns tapóns de cera ou uns  auriculares que lle minorarán a posible incomodidade xerada polo ruído

En ningún momento estará soa xa que desde fóra da sala o persoal que a está  atendendo estaralle a ver e oír a través dun cristal.

O estudo completo dentro da sala de  RM durará entre 30 e 45 minutos.

A resonancia magnética de mama xeralmente faise coa administración de contraste. Para inxectar o contraste o persoal de enfermería preguntaralle sobre antecedentes de alerxia, enfermidades renal, ou se está a tomar algunha medicación, e se non hai ningún inconveniente, picaralle  nunha vea do brazo ou da man antes de pasar á sala de resonancia.

O contraste que se utiliza nos estudos de  RM de Mama está feito en base a gadolinio e non é como os contrastes utilizados en radioloxía -contrastes  iodados- nin como os contrastes utilizados cos  ultrasóns.

O contraste de  gadolinio é un contraste moi seguro e xeralmente non notará nada cando se lle inxecte; é excepcional que se noten molestias na zona da punción, náuseas ou outras reaccións adversas. Se se produce algunha reacción adversa inesperada será inmediatamente atendida por médicos e enfermeiros.

Ao finalizar o exame, moverase a padiola cara á posición inicial, retiraráselle a vía  endovenosa e indicaráselle que pode pasar á súa cabina para se vestir. Se o persoal sanitario o considera necesario indicaralle se houbese que realizar algún coidado particular.

A data da cita

Para poder analizar adecuadamente a  RM de Mama é necesario facela en determinados días do ciclo  menstrual, porque o estado hormonal inflúe de forma moi significativa nas imaxes que se obteñen.

En mulleres en idade fértil (premenopáusicas) o ideal é facer a resonancia entre os días 6 e 13 do ciclo  menstrual, mesmo se se está seguindo contracepción oral. En caso de terapia hormonal sustitutiva recoméndase interrupción do tratamento hormonal polo menos 4 semanas antes da resonancia, pero neses casos deberá consultar co médico que lle prescribiu o tratamento hormonal para coordinar da mellor maneira posible os seus tratamentos e a realización da resonancia.

Preparación

A  RM de Mama non adoita requirir ningunha preparación, aínda que en ocasións pódeselle indicar que estea en xaxún desde 4 horas antes da exploración.

Se os espazos reducidos lle producen ansiedade ou sensación de medo, pode vir acompañado doutra persoa que pode estar con vostede durante a exploración sen ningún inconveniente. Se esa sensación é moi intensa -claustrofobia- e cre que lle vai a ser moi difícil permanecer quieta nesa posición pode comentalo co seu médico por se considera oportuno prescribirlle algunha medicación que lle diminúa a ansiedade para tomala antes da exploración; se tomou algunha medicación deste tipo debe acudir a realizar a exploración con algún acompañante.

Á chegada ao Servizo de Radioloxía – Resonancia Magnética

O persoal de enfermaría ou técnicos da unidade de resonancia magnética recibiralle e faralle algunhas preguntas para coñecer se se lle pode facer a resonancia ou se hai algunha contraindicación. Se houbese algunha contraindicación, explicaralle que non é posible facer a resonancia.

INFORMACIÓN XERAL DO PACIENTE

Fíxoselle algunha  RM anteriormente?

Padece algunha enfermidade renal, asma ou alerxia respiratoria?

Ten alerxia a algún medicamento?

Ten alerxia a algún alimento?

Inxectáronlle algún contraste  radiolóxico anteriormente?

Está ou pode estar embarazada?

Data da última regra?

Está en período de lactación materna?

Dispositivos que son contraindicación absoluta

Se algunha resposta é SI, vostede non pode entrar nunha sala de RM

  1. Marcapasos
  2. Desfibrilador
  3. Suturas metálicas (clips) de  aneurismas cerebrais
  4. Neuroestimulador
  5. Bioestimulador
  6. Implante  coclear
  7. Bombas de  perfusión

DISPOSITIVOS E SITUACIÓNS QUE É NECESARIO COÑECER. PORQUE PODEN SER CONTRAINDICACIÓN RELATIVA OU PODEN MODIFICAR A FORMA DE REALIZACIÓN DA RESONANCIA

Se algunha respostas é SI, o radiólogo responsable da exploración valorará se é posible facer unha  RM e como debe realizarse

  1. Ten algún obxecto metálico no corpo (balín, alfinete…)?
  2. Entroulle algún corpo estraño metálico nos ollos?
  3. Traballou con soldaduras?
  4. Leva posto algún catéter para medicación?
  5. Audífono
  6. Implante no oído
  7. Calquera tipo de  clip ou grampa cirúrxica
  8. Prótese ortopédica (cadeira, xeonllo, extremidades…)
  9. Dispositivo de fixación da columna
  10. Prótese de mama
  11. Expansor de mama
  12. Implante ou prótese de pene
  13. Malla cirúrxica
  14. D.I.U.,  diafragmas, etc…
  15. Piercing

Antes de entrar na sala de RM

Se non hai ningunha contraindicación acompañaranlle a unha cabina e indicaranlle a roupa que se debe quitar e entregaralle unha bata para levar durante a exploración.

Indicaranlle tamén que debe quitarse todas as cousas que pola súa composición non poden levar ao interior dunha sala de resonancia como: fibelas, pendentes, reloxo, tarxetas de crédito, tarxetas magnéticas, audífonos, perrucas, próteses dentais retirables, etc… e calquera material porque poden interferir no campo magnético da RM

Quen interpreta as imaxes de Resonancia Magnética

Un  radiólogo, médico especificamente capacitado para supervisar e interpretar os exames  radiológicos, supervisará o estudo de RM, analizará coidadosamente as múltiples imaxes obtidas e posteriormente realizará un informe que se enviará ao  medico que lle solicitara a proba.

O informe é un proceso que require tempo e experiencia. O seu médico comunicaralle os resultados, tan pronto como sexa posible.

Cales son as limitacións da Resonancia Magnética

As imaxes de resonancia serán  analizables só se é capaz de permanecer completamente inmóbil, mentres se obteñen as imaxes.

A presenza dun implante ou outro obxecto metálico pode dificultar a obtención de imaxes  diagnósticas.

O tamaño do tubo ten un diámetro limitado o que pode impedir que algunhas pacientes poidan ser colocadas de forma adecuada para facer un estudo de  RM.

A  RM de mama non sempre distingue entre cancro e unha enfermidade benigna, pero axuda en moitos aspectos ao diagnóstico.

1. Que é?

É un estudo que utiliza a resonancia magnética como guía para realizar unha punción biopsia.

2. En que consiste?

A  RM permite dirixir a agulla de punción con gran precisión para obter unha pequena mostra que será estudada posteriormente por un especialista (patólogo) para coñecer o tipo de lesión.

3. Para que se realiza?

Utilízase a RM para localizar unha lesión que non se ve na mamografía nin na ecografía. Preténdese chegar ao momento exacto onde introducir a agulla para picar a lesión, coa maior seguridade para a paciente.

4. Como se realiza?

O estudo realízase no Servizo de Radiodiagnóstico, na sala de Resonancia Magnética. Anestésiase a pel para que as molestias sexan mínimas. Unha vez localizada a lesión, o radiólogo introduce unha agulla para tentar extraer unha mostra de tecido. En ocasións pode ser necesario picar máis dunha vez.

O resultado desta proba coñecerase despois duns días e será vostede informada polo seu médico de referencia.

5. Que coidados require despois da intervención?

Realizarase presión sobre a zona da punción, para evitar o sangrado. En caso de estar en tratamento con anticoagulantes ou  antiagregantes deberá comunicalo ao médico solicitante e o día da proba.

6. Que riscos ou complicacións pode presentar?

A pesar da adecuada elección da técnica e da súa correcta realización, poden presentarse efectos indesexables, tanto os comúns derivados da RM e o uso de contraste, como os específicos do procedemento. A punción-biopsia é unha técnica con poucas complicacións, e cando ocorren poden ser facilmente tratadas:

Leves e frecuentes. Hematoma: é a presenza de sangue no lugar da punción ou no seu traxecto, xeralmente desaparece sen tratamento e, en casos excepcionais, pode requirir dun pequeno corte na pel para baleiralo.

Graves e pouco frecuentes. Infección relacionada coa punción, a pesar da utilización de material estéril.

7. Existen outras alternativas?

A alternativa á punción  biopsia con RM consiste, (aínda que consideramos que este é o mellor método para chegar ao diagnóstico) na CIRURXÍA CONVENCIONAL, que se realiza no quirófano e baixo anestesia xeral, practicando un corte na pel para extraer unha mostra do tecido para analizar.

Vostede pode decidir non autorizar este procedemento e, nese caso, realizaranse controis  radiográficos para determinar se se modifican ou non as características da lesión (tamaño, bordos, etc.).

Cales son os riscos da  biopsia de mama?

A punción é unha técnica de baixo risco. As poucas complicacións que ocorren son coñecidas e facilmente tratadas. Entre elas están:

HEMATOMA: É a presenza de sangue no lugar da punción ou no seu traxecto. Xeralmente é de carácter leve e desaparece sen tratamento. En casos excepcionais pode requirir tratamento que consiste en realizar un pequeño corte na pel e baleiralo.

INFECCIÓN: É unha complicación moi rara xa que todo o material que se utiliza é estéril e utilízase un novo para cada paciente, refugándoo a continuación.

No caso de que esta  biopsia non fose concluínte para o diagnostico definitivo da lesión, o seu médico informaralle das alternativas existentes.

Cando é necesario marcar o tumor?

Se Vd.  xa foi diagnosticada de cancro de mama, poida que o seu médico decida darlle quimioterapia antes de realizar a cirurxía ( neoadxuvancia). En tal caso será necesario marcar a lesión previamente cun “clip”  metálico dado que nun número significativo de casos a lesión desaparecerá despois do tratamento. Aínda cando por métodos de imaxe a lesión desaparecese, haberá que realizar igual a cirurxía, pois poden quedar pequenos restos non detectables por técnicas de imaxe.

O “clip” é un pequeno marcador metálico, do tamaño da cabeza dun alfinete, que se lle colocará na lesión a través dunha agulla fina. Este procedemento, habitualmente non necesita anestesia, dado que o calibre da agulla de anestesia é practicamente o mesmo que o usado para a introdución do clip. O levar o mencionado clip non lle causará ningunha molestia adicional.

No caso de que o seu tumor non  sexa palpable, o día da operación ou o día anterior, haberá que poñerlle unha guía metálica (coñecida  vulgarmente como arpón) marcando a lesión, para que o cirurxián a atope facilmente . A guía metálica é un fino arame duns 15 cm de lonxitude, que se lle colocará a través dunha agulla de delgado calibre, habitualmente sen anestesia, dado que é practicamente  indolora a súa colocación. A colocación da guía farase ben con control de ecografía ou mamografía e o proceso non dura mais de 15 minutos.